Thursday 25 de April de 2024

O PSOE pídelle ao Concello de Trazo que tome medidas ante unha nova mostra de falta de dilixencia por parte da secretaria municipal


Un punto de trámite como a remisión da Conta Xeral de 2019 para a súa fiscalización tivo que quedar sobre a mesa debido aos numerosos erros flagrantes e insubsanables que contén o documento

O Concello de Trazo non poderá render en tempo e forma a Conta Xeral de 2019, despois de que todos os grupos municipais votaran deixar o asunto sobre a mesa diante dos numerosos erros flagrantes e insubsanables que contén o documento elaborado pola secretaria-interventora municipal. Así se acordou, por unanimidade e a proposta do grupo municipal socialista, na sesión plenaria ordinaria de outubro, celebrada na noite do pasado venres.
O que tiña que ser un simple punto de trámite, a aprobación da Conta Xeral de 2019 e a súa remisión ao Tribunal de Contas e Consello de Contas para a súa fiscalización, rematou nunha nova mostra máis da falta de dilixencia nas súas funcións por parte da secretaria-interventora municipal. Ao comezar o punto, a voceira dos socialistas de Trazo, Beatriz Domínguez, pediu a palabra para solicitar que a proposta quedara sobre a mesa “pola inmensa cantidade de erros que contén o documento como os asistentes, votacións, datas, intervencións… da Comisión de Contas, así como o ditame da secretaria, que se refire ás Contas de 2018, non ás de 2019”.
Os socialistas fan fincapé en que non é a primeira vez en que esta funcionaria, habilitada nacional, non cumpre coas funcións de intervención e fiscalización que ten atribuídas polo RD 128/2018 de 16 de marzo polo que se regula o réxime xurídico cos funcionarios da Administración Local con habilitación de carácter nacional. Así se puido comprobar durante a tramitación do PXOM, cando na fase de exposición pública achegou uns planos que non se correspondían coa realidade, ou na falta de fiscalización dos gastos protocolarios, cuestión pola que foi denunciada polos presuntos delitos de falsidade documental e administración desleal do patrimonio público.
Concello emprendedor
O pleno municipal tamén aprobou a adhesión do Concello de Trazo á iniciativa “Concello emprendedor”, un punto que os socialistas apoiaron pola necesidade de promover a implantación no municipio de empresas que xeren emprego. Unha adhesión que “é un fiel reflexo do atraso, paralización e desgoberno que sufre Trazo pois esta iniciativa chega 3 anos tarde”, lamentou Beatriz Domínguez, quen puntualizou que “xa sabemos que é costume do bipartito o de culpar de todo á Covid-19, pero acaso o virus estaba xa en Trazo no ano 2017?”
A voceira municipal socialista lamentou que “a deixadez do Goberno do PP deixou que empresas que podían terse instalado en Trazo marcharan a outros concellos da comarca onde si tiñan estas bonificacións fiscais en función do emprego que crearan e que nós aprobamos tres anos tarde”. Finalmente, o pleno tamén aprobou que San Mateo e San Xoán serán os festivos locais de 2021 e corrixir un erro nas porcentaxes da ordenanza do Punto de Atención á Infancia.
Bipartito “sen pechar”
Na quenda de rogos e preguntas, os socialistas interesáronse por coñecer en que consiste o acordo de goberno anunciado polo Partido Popular e Somos Trazo. “Xa van máis de dous meses que se deu a coñecer a existencia deste acordo e hoxe a alcaldesa nos dixo que non tiñan nada pechado e que cando o tiveran, así llo dirían aos veciños e á oposición”, apunta Beatriz Domínguez, quen lamenta que “despois de dous meses nos que seguimos coa mesma xestión nefasta que ten o Concello paralizado, resulta que o único que fixo o bipartito foi repartirse sillóns e dedicacións”.